4 de noviembre de 2009

O BNG logra 29 millóns máis nas contas estatais


Este incremento das partidas está acompañado doutras melloras conseguidas polo BNG como beneficios fiscais para o sector agrario. A isto hai que engadirlle o impacto económico das transaccionais pactadas onte polo BNG na Comisión de Orzamentos, como é a prórroga do Plan 2000E para renovar o parque de automóbiles, o mantemento da dedución dos 400 euros para as rendas máis baixas e a modificación da coñecida como “Lei Beckham”.

Hoxe, Francisco Jorquera chegou a acordos transaccionais co grupo socialista na Comisión de Orzamentos en relación ás partidas para Galiza. Uns acordos que non van variar a posición do BNG contraria aos Orzamentos estatais 2010, xa que o os nacionalistas galegos non modifican a avaliación global que fan destas contas estatais “coas que estamos en profundo desacordo”.

29 millóns máis para os investimentos en Galiza

No que atinxe aos investimentos territorializados, o BNG conseguiu uns 29 millóns de euros máis para Galiza en capítulos como o ferroviario e investimentos locais en materias como cultura, vivenda e medio ambiente.

En relación ao capítulo ferroviario, o BNG conseguiu os seguintes incrementos de partidas, catro millóns de euros para o tramo do Eixo Atlántico Ferrol-A Coruña, dous millóns para o tramo do AVE Lugo-Ourense e un millón para o tramo do AVE Vigo-fronteira portuguesa

Na materia referida ao medio ambiente, destínase unha partida dun millón de euros para a rexeneración da Ría de O Burgo.

O resto vai parar a diversos investimentos locais a negociar con concellos e que teñen relación con materias como a cultura, o medio ambiente e vivenda.