30 de noviembre de 2009

Os sindicatos das caixas prepáranse para máis de mil despidos en Galicia

As contas de Feijóo reflicten preto de 1.400 despidos e o peche de máis de 350 oficinas, 200 delas na comunidade.

Os números da Xunta das caixas galegas foron postos esta semana sobre a mesa para os directivos das entidades, as formacións políticas, a patronal e os principais sindicatos da comunidade. Números que avalan unha fusión entre Caixanova e Caixa Galicia e que, segundo fontes da negociación, estiman que o número de despedimentos se elevaría ata os 1.350 traballadores. O solapamento de redes de oficinas e de servizos centrais evidencia que a alianza total entre ambas as dúas caixas galegas suporía esa consecuencia traumática no emprego. No encontro entre o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os representantes dos traballadores, o acordo subscribiuse por unanimidade. Segundo puido saber Xornal de Galicia a través de diversas fontes da negociación, ese consenso é froito da “necesidade”: “Hai que acometer a fusión”.

PECHES

Ademais dos despedimentos aos que se lles puxo cifra –as diferentes previsións oscilaban entre os 800 plantexados polo informe de Caixa Galicia, 1.800 da patronal pontevedresa e Cámara de Comercio de Vigo ou os 1.000 de media dos sindicatos– o análise realizado polo Goberno galego tamén estableceu o número de oficinas que han desaparecer. Segundo fontes consultadas, son unhas 350 oficinas, 200 delas situadas dentro da comunidade. O último reconto oficial das dúas caixas en canto á rede de sucursais eleva estes puntos a un total de 1.460 (as memorias anuais do 2008), malia que no que vai de ano xa se produciron escasos peches. Desas sucursais, 878 están situadas dentro de Galicia (463 por parte de Caixa Galicia e 415 por parte de Caixanova). Non difire en exceso, polo tanto, o número de sedes que unha e outra entidade teñen dentro do territorio galego. Polo de agora, non trascendeu –fontes consultadas aseguran que será froito da negociación– o número de peches que aportaría cada caixa no caso de levarse a cabo tal fusión, e no caso tamén de que “todos os datos da Xunta se correspondan coa realidade”.

Segundo condenan fontes das negociacións a este diario, “o Banco de España non está colaborando coa Xunta, non o pon fácil”, din. O organismo supervisor non é favorable á unión intrarexional en Galicia, malia ter dado o visto e prace á catalana.

OFICINAS

Fóra de Galicia, onde o informe da Xunta estima se vaian producir 150 peches de sucursais, a rede máis extensa das dúas caixas está en Andalucía (72), Madrid (116) ou Valencia (80). En Asturias, Cantabria ou Castela e León o número é moito máis reducido malia á proximidade territorial.

As fontes consultadas inciden en que “é necesario” levar adiante a unión entre ambas as dúas caixas segundo os números presentados por Feijóo. Pero, ademais, inciden na “alta cualificación” dos traballadores que se van ver afectados se a fusión se produce e supón as consecuencias laborais que a Xunta estima. “Estamos falando de persoal de alta cualificación e salario, e iso nótase tamén nas economías das cidades”, agregan.

Pero, a pesar do consenso escenificado o pasado venres, o sindicato independente Csica, maioritario en Caixanova (47%), amósase contrario á fusión. O seu responsable, Miguel Argones, condenou non ter sido invitado ao encontro con Feijóo e, a maiores, amosouse contrario a que a fusión galega teña que prosperar. “A nós preocúpanos o emprego, e a fusión entre as caixas galegas é a solución que máis problemas daría en materia de emprego”.

Así as cousas, considera que as solucións que poidan adoptar Caixanova e Caixa Galicia por separado van ser menos lesivas para os traballadores. “Alguén pensou aquí nas subcontratas, nos provedores, nos empregos indirectos?”, cuestiona. Polo de agora, non trascendeu se ese cálculo oficial de traballadores afectados contempla esta denuncia de Csica.

FEIJÓO

Doutra banda, o líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou onte que “a mellor forma de defender a Pontevedra” consiste en “garantir” que Galicia continúe tendo caixas de aforro. “É a mellor forma de defender a todas as provincias, porque as caixas son de todas as provincias”, argumentou.

Feijóo aproveitou a clausura do XV Congreso do PP de Pontevedra para ratificar o seu compromiso con reformar a Lei de Caixas –que se tramitará con urxencia na Cámara galega– para afondar na súa “democratización e representatividade”. Con respecto ao futuro inmediato de Caixa Galicia e Caixanova, volveu insistir en que o seu “único compromiso” é coas “siglas de Galicia”.

Pola súa banda, o presidente nacional do PP, Mariano Rajoy, proclamou que é “urxente” reestruturar o sistema financeiro español para “asegurar o seu solvencia” xa que, argumentou, sen os créditos das entidades financeiras “non hai investimento”.

http://www.xornal.com/artigo/2009/11/29/economia/sindicatos-das-caixas-preparanse-mais-mil-despidos-galicia/2009112900314412948.html