21 de noviembre de 2009

O BNG solidarízase coa Fronte Polisaria pola detención da súa activista Aminatou Haidar


Bruxelas, 18 Novembro 09. A voceira do BNG no Parlamento europeo, Ana Miranda, presentou hoxe unha iniciativa conxunta con outros grupos políticos sobre a detención da activista sahariana e ex prisioneira política, Aminatou Haidar, arrestada o 14 de novembro de 2009 no aeroporto de El Aaiun polas autoridades marroquinas e expulsada a Lanzarote aproveitando que voltaba dunha viaxe a través de varios continentes.
Dende ese día, Aminatou Haidar está en folga de fame e periga o seu estado de sáude, xa moi agravado polas consecuencias de ter estado anos no cárcere.



Con motivo desta viaxe, e a entrega dun premio polo seu labor na defensa dos dereitos do pobo sahariano, Aminetu Haidar denunciara, unha vez máis, a represión que as autoridades marroquinas despregan nos territorios do Sahara Occidental, realizando ademáis un chamamento urxente para a inmediata e incondicional liberación de sete militantes saharianos, membros de diferentes organizacións defensoras dos dereitos humanos e asociacións da sociedade civil, detidos o 8 de outubro pasado e que serán xulgados por un tribunal militar con posibilidades de pena de morte.


Ana Miranda contactou cos Delegados da Fronte Polisaria en Galiza para transmitirlles a solidariedade do BNG e condenou a detención e expulsión desta loitadora dos dereitos do pobo sahariano polo Goberno de Marrocos, xunto con dous xornalistas.


A nacionalista condenou firmemente a actitude do Goberno español, que considerou cómplice por permitir que foran violadas disposicións de dereito internacional aceitando o seu traslado a Lanzarote.


O DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN



Miranda afirmou que "o Goberno español debe clarificar a súa posición a respeito do Sahara Occidental”. O BNG, pola súa parte e o Grupo parlamentar no Parlamento Europeo ao que pertence, Verdes-ALE, vai esixir da futura Presidencia española da Unión Europea que se clarifique a nivel internacional e que abra un proceso de diálogo de resolución política en favor da autodeterminación do pobo sahariano e do respeito aos defensores de dereitos humanos, acosados polo goberno marroquino e desamparados pola falla de responsabilidade e de incumprimento das resolucións internacionais.


Finalmente, a nacionalista galega denunciou que o titular de Exteriores do Goberno español estexa máis preocupado estes días de saber se será candidato ao posto de responsábel de Asuntos Exteriores da UE que de garantir a protección e defensa desta activista galardoada internacionalmente pola súa incansábel defensa, e con quen, nengún representante de Exteriores nen do Goberno se puxo aínda en contacto.