Que lle parece o acordo adoptado no Congreso?
Mira que non hai leis no Parlamento máis importantes e van e queren sacar esa! Non sei se non será para tapar a corrupción que ten o PP e a estupidez que ten o Goberno, que está aí como un pallaso. É unha barbaridade e un agravio, despois de tanto que a emigración fixo polo Estado español desde o ano oitocentos e pico. Galicia existe grazas á emigración. Ten un Himno e unha Real Academia da Lingua que se crearon fóra. E agora, incluso os do BNG non teñen consciencia nacionalista. Desfán todo. Iso de que o Bloque quere a Galicia é unha patraña, queren que lle dean propinas en Madrid en lugar de actuar por principios e esixir eles. Nós imos facer ruído, porque non se trata dun partido senón que aquí toda a colectividade está en contra do acordo adoptado en España, esquerda, dereita, centro, todos, iso pasa por enriba da Constitución. O PSOE demostrou que é un partido dereitoso, discriminatorio, quérennos levar ás épocas de Franco, a que non votemos e o voto nas municipais para nós é fundamental, é a nosa vida, aí nacemos.
O Congreso cre que non hai veciñanza entre os concellos de aquí e os emigrantes de aí...
Pero como que non? Por moito que fagan e que saquen todo, a relación de Arxentina con Galicia é real. Están os fillos, os netos, e estamos en contacto permanente. Falamos o galego como aí e sabemos máis de Galicia os de acá que os de aí.
Non é certo logo que hai moita xente inscrita no CERA que vota sen ter estado nunca en Galicia e sen saber nada de aquí?
Non. Pode ser que a algún vello lle saquen o voto, pero para que non haxa trampa, que vaia cada emigrante co seu documento a votar no correo.
Que solución propoñen? O voto en urna para garantir a limpeza electoral?
Non o voto en urna en si. O voto pode ser por correo, pero que cada persoa leve o seu co documento de identidade. Que ninguén poida levar o voto do outro para que nin os do PSOE nin os do PP vaian comprar votos polas casas e leven a xente nos coches. Que cada un deposite o seu voto no correo para que sexa legal e se saiba que a persoa vive. No correo, unha persoa non pode entregar 40 sobres. Cada un co seu co documento na man. Esa é a solución para as municipais.
Iso garantiría que non votasen mortos nin cousas así...
Si, e se os vellos por ter que ir ó correo non van votar, pois que non voten.
Os emigrantes séntense utilizados polos partidos españois nas campañas electorais?
Os partidos veñen acá buscar os votos e as axudas e todo é polos votos. Nós non queremos cobrarlle as facturas históricas que lle debe Galicia e España á emigración, só queremos que nos traten como di a Constitución e o Estatuto dos Emigrantes que sacou Zapatero. O Rei tamén bendiciu aquel texto daquela e agora cala a boca. Queremos declarar persoa non grata a todo aquel do Parlamento que vote en contra do voto emigrante. E a algúns que veñan aquí ímoslle ir con carteis e ó mellor incluso con bolsas de tomates e igual tócalle ó Rei ou a Zapatero ou a Rajoy.
Vostede é militante do BNG...
Eu son afiliado pero estou moi descontento coa dirección do BNG. Imos crear acá outro grupo que sexa do BNG pero sen obedecer os que nos queren sacar da Constitución. Se foran nacionalistas de verdade e un pouco de esquerdas armaríanlle rollo ó Goberno para que non pasara isto.
Pero vostede falou co BNG para amosarlle o seu malestar?
Eu non falei con eles porque eles non falan con nós. O único que nos apoia é Beiras, que pide que se purifique o voto do emigrante pero que non se nos negue. Simplemente purificalo, para que o PSOE e o PP non veña aquí a mercar os votos, como fixo Pilar Pin, que andaba repartindo os cartos antes das eleccións e logo foi das primeiras que dixo que había que sacar o voto. Esa señorita, cando veña por acá vai ter algún disgusto. Tómannos por parvos ós emigrantes e non o somos. Seica agora ía vir tamén Méndez Romeu nomeado de conselleiro laboral para aquí. Nós declarámolo nunha asemblea da Federación persoa non grata e agora xa non quere vir.
Por que o declararon persoa non grata?
El dixo un día que aí tiñan que votar só os que contribuían economicamente e pagaban impostos e el non sabe que moitos emigrantes pagamos impostos e temos empresas aí e capital e todo. Zapatero queríao mandar para cortarnos as pensións non contributivas ou os dereitos sanitarios, porque é un tipo con moito callo.
Vai deixar de ser do BNG?
Non, eu non me vou desafiliar porque quero estar presente cando sexa a asemblea e ir alá e dicir o que hai que dicir. Preguntarlles se son nacionalistas, se son patriotas, se queren a autodeterminación ou non. Se somos nacionalistas ou somos madrileños e defendemos o Estado español que nos ten os galegos como unha colonia.
Como vai ser a mobilización que preparan para o día 15?
Será de toda a colectividade e en Bos Aires, diante da embaixada. Queremos cortar a rúa e que haxa ruído e pedirlle ó Goberno arxentino que lle meta man ás empresas que ten con España, xa que se a nós España nos mete man ós nosos sentimentos democráticos, nós témoslle que responder. Somo case dous millóns de emigrantes fóra.
Temen que este recorte no voto sexa o principio de acabar con outros dereitos?
Seguro. Empezan polo voto municipal e logo seguro que tamén o fan co voto para as autonómicas.
O BNG é o que pide...
O BNG... non digo máis nada porque senón vou dicir unha mala palabra. O BNG non hai por onde collelo. Botaron a Beiras e mira como está agora, cos científicos da esquerda pragmática, aplicando políticas negativas, antiprogresistas, discriminatorias. Estamos en descontento con eles.
http://www.galiciahoxe.com/politica-galicia/gh/francisco-lores-declararemos-non-grato-todo-vote-sufraxio-do-emigrante/idEdicion-2010-05-01/idNoticia-542352/