30 de abril de 2010

A emigración galega quere seguir votando nas locais

Emigrantes galegos estudan mobilizarse nas embaixadas españolas dos seus países de residencia para rexeitar o acordo alcanzado no Congreso, que suporía limitar o dereito a voto da colectividade nos comicios municipais, e mostran os seus temores por que a restrición do sufraxio supoña, no futuro, ‘perder outros dereitos’.

Segundo indicaron a Europa Press representantes da emigración na Arxentina e o Uruguai, o conxunto da colectividade está "preocupada" polas decisións a este respecto que se poidan estar adoptando en España. "O voto era unha conquista que se logrou, é un retroceso", constatou o presidente da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai, César Antelo.

Na súa opinión, a postura que se defende en España acerca de que só deben votar os residentes para os comicios locais constitúe "un punto de vista" e indicou que, "en xeral, a colectividade española" no Uruguai está "en contra de calquera restrición do voto ou con outro tipo de eliminación de dereitos".

Neste sentido, o presidente da Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai manifestou o seu temor por que supoña "un paso para quitar a posibilidade de participar noutras decisións ou a perda de dereitos", como a cobertura sanitaria en España.

Así as cousas, sinalou que as distintas asociacións e federacións "están conversando" para realizar algunha mobilización que sirva para "transmitir a preocupación" da colectividade galega, pero matizou que, polo de agora, "non hai día e hora" para ningunha actuación.

Manifestación arxentina

Pola súa banda, o presidente da Federación de Asociacións Galegas na Arxentina, Francisco Lores, expresou o seu malestar pola decisión que acaba de adoptar a subcomisión do Congreso dos Deputados e avisou de que iso supón saltarse "un dereito constitucional" dos emigrantes. "É antidemocrático e fascista", aseverou.

Deste xeito, arremeteu contra PP, PSOE e BNG (do que é militante) por apostar por este tipo de medidas e lembrou a importancia que a emigración tivo na recuperación económica de España tras os grandes períodos de emigración. "Imos saír á rúa e a pedirlle ao Goberno arxentino que rompa coas empresas españolas", advertiu.

Francisco Lores, que tamén expresou a súa preocupación por que esta restrición se estenda a outras situacións, asegurou que "toda a colectividade está unida, tanto os de dereitas como os de esquerdas", e indicou que está previsto mobilizarse a mediados do mes de maio ante a embaixada española. "É un dereito que temos", sentenciou.

http://www.anosaterra.org/nova/44984/a-emigracion-galega-quere-seguir-votando-nas-locais.html