20 de abril de 2010


Gustavo García: “A Fraga quédanlle catro días, pero debería pasar medo dous deles”
“Arxentina déixanos o campo, porque aquí non temos e o árbitro está inhabilitado”, afirma o avogado das vítimas galegas que se unirán á querela arxentina.

O avogado Darío Rivas viaxará a Arxentina o vindeiro venres 23. Alí, en representación de varios colectivos galegos, achegará aos tribunais federais de Bos Aires documentación sobre miles de vítimas represaliadas polo franquismo, uns datos que se unirán á querela que esta mesma semana se presentou no país suramericano contra o réxime fascista en resposta ao veto que Garzón sufriu en España.

Cal será o seu labor en Arxentina?

Os colectivos galegos que decidiron unirse á querela arxentina contra os crimes franquistas achegarán acreditación do xenocidio cometido en Galicia cos datos de preto de 5.000 vítimas tirados do proxecto Nomes e voces. Eu levarei toda esta documentación, que se irá ampliando progresivamente a través de denuncias ás que se pode unir calquera particular afectado. Animamos as vítimas a que así o fagan.

Foi un xenocidio o cometido no país?

É que aquí non houbo guerra entre o 36 e o 39, houbo xenocidio. Nin tan sequera se pode dicir que se cometesen barbaridades por ambos os dous lados, porque non foi así, e se así fose, os actos cometidos por algúns republicanos non foron resposta a unha sublevación e a unha política de exterminio perfectamente preparada.

No entanto, pouco se fala da brutal represión sufrida en Galicia. Está tapado pola Historia. Si sabemos dos xenocidios dos Balcáns, pero aquí foron peores. Hai que ter en conta que o xenocidio polo que se xulgou a Pinochet matou 3.000 persoas e só en Galicia xa estamos falando de máis.

Non é triste ter que recorrer á xustiza arxentina?

Resulta gratificante poder denunciar alá as barbaridades que aquí o Estado non nos deixa. Cando Baltasar Garzón permitiu a investigación dos crimes da ditadura chilena ou arxentina, o que fixo España só foi, empregando un símil futbolístico, deixarlle a cancha ás vítimas arxentinas. Agora son eles os que nos deixan o campo a nós, porque nós non o temos e o árbitro témolo inhabilitado.

Co de árbitro refírese a Garzón?

Claro. O xuíz permitiu que se xulgasen os crimes das ditaduras chilenas ou arxentinas malia as leis de punto final daqueles países. Foi a Audiencia Nacional en pleno a que admitiu que aquelas leis de amnistía, aprobadas en Arxentina na época democrática de Alfonsín, non se debían ter en conta ante crimes de lesa humanidade, polo que se podía aplicar a xurisdicción universal. Agora, o Tribunal Supremo dinos que a Lei de Amnistía española de 1977 hai que aplicala porque é democrática, cando se promulgou antes das primeiras eleccións democráticas. Non se pode dicir iso! Iso si que é prevaricación e non o que fixo Garzón.

A querela pide a detención de Fraga para que declare polos crimes cometidos durante a ditadura.

O de Fraga está moi fundamentado. Nós non imos pedir a declaración do ex presidente da Xunta polo xenocidio cometido durante a guerra ou nos primeiros anos da ditadura, iso é evidente. No entanto, hai base máis que sólida para imputalo en casos como o asasinato de Julián Grimau ou polos sucesos de Vitoria, ademais de por todas as súas palabras louvando o xenocidio franquista, pero tamén o cometido en Chile ou en Arxentina.

Manuel Fraga di que Arxentina “debería ocuparse dos seus problemas”.

Fraga fai o de sempre, tirar balóns fóra. Eu sei que está mal e que lle quedan catro días, pero gustaríame que polo menos dous deses días os pasase con medo ou preso. Desde o punto de vista xurídico, a actuación de Fraga foi penal, como tamén sería delito reivindicar o franquismo, como fai a Falange, un partido político que sería declarado ilegal en Alemaña, por poñer só un exemplo, pero que aquí é capaz de sentar ante os tribunais a Baltasar Garzón.

Confía en que a querela presentada en Arxentina se admita a trámite e se acabe investigando o franquismo.

Non teño dúbida ningunha de que a xuíza María Servini de Cubría vai aceptar a querela e vai dar vía libre á investigación dos crimes franquistas. É unha xuíza valente, a máis valente de Arxentina, que se enfrontou a xente que semellaba intocable e que pediu incluso a extradición de Pinochet.

Espera que a Xunta axude na achega de datos sobre os represaliados no país?

Non, desta Xunta non esperamos nada. O anterior goberno bipartito si fixo un grande esforzo, que eu destaco, apoiando a exhumación de fosas e a identificación das vítimas, pero o Executivo de Feijóo cortou todas as axudas.

http://maisgalizadiaspora.blogspot.com/2010/04/gustavo-garcia-fraga-quedanlle-catro.html

No hay comentarios.:

Publicar un comentario