Un colectivo da diáspora asegura que a conselleira paralizou os subsidios para “infundir temor” ata lograr a privatización do sanatorio
A privatización da xestión do Centro Gallego de Bos Aires segue sen apagar os seus ecos.O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou durante a súa viaxe a Suramérica a cesión directa e sen concurso público a un grupo privado da administración do hospital da emigración na capital arxentina. O xefe do Executivo xustificou o paso ás mans foráneas desta institución histórica pola “unanimidade” amosada polo Padroado da Fundación Galicia Saúde, que xestiona o sanatorio, pero obviou referirse ao boicot de dúas das agrupacións políticas do Centro, que nin tan sequera acudiron á reunión definitiva por mor do “secretismo”, a “imposición” e a “actitude discriminatoria” dalgúns directivos e do Executivo.Un destes colectivos, Unión Gallega, impugnou a xuntanza na que se confirmou a xestión privada do hospital. Advertiullo á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, a través dunha carta demoledora e moi crítica á que tivo acceso Xornal.
Na misiva, á marxe das múltiples críticas á xestión e ás formas da Xunta no proceso, o colectivo acusa a conselleira de “impoñer o afogo financeiro da Fundación Galicia Saúde” ata “lograr o seu obxectivo [a privatización do hospital]” e tras “infundir temor nalgúns directivos do Centro Gallego”. O texto é claro: “Desde que vostede asumiu como conselleira, notamos que as axudas financeiras comprometidas pola Xunta para a Fundación non eran remitidas. Supuxemos que querería coñecer as causas do reparto dos cartos ou que tras a reunión do día 23 de outubro liberarían os fondos para afrontar os gastos realizados ou comprometidos. No entanto, (...) os fondos non chegaron polo de agora, motivando que moitos directivos pensen que é mellor aceptar a súa imposición e/ou proxecto a ter que enfrontar un conflito gremial ou cos proveedores, que deixarían os socios e clientes da Fundación sen atención médica”.
A carta, de sete folios e asinada polo patrono titular e máis o suplente de Unión Gallega, fai un repaso de todo o proceso de privatización e confirma as denuncias realizadas por este diario.
Esta agrupación política censura “a entrega da administración da Fundación Galicia Saúde e o control directo do Centro Gallego a unha empresa privada, pero subsidiada durante polo menos nove anos cos impostos de todos os galegos”. O grupo con sede en Castela e León, 3A Recoletas, xestionará o sanatorio da diáspora, que recibirá unha subvención de case 28 millóns de euros en nove exercicios. Así, a compañía “obterá ademais todas as ganancias que achegue a explotación da actividade sanitaria”, mentres só se compromete a investir oito millóns de euros ata 2022, data na que rematará un contrato de explotación de trece anos e que compromete a gobernos futuros.
Mentres, Feijóo e Farjas xustificaban a decisión no carácter “privado” do hospital, o que non impediu ao presidente da Xunta visitar o Centro Gallego e anunciar de paso a subvención anual de tres millóns de euros.
No entanto, nada dixo o xefe do Executivo dos termos do contrato, logo de que as protestas iniciais do Centro Gallego obrigasen a variar algúns detalles. Tampouco os membros das agrupacións conservadoras que negociaron o novo proxecto, que se negan a especificar os detalles ás dúas agrupacións progresistas (Galicia e Unión Gallega) que non viaxaron a Santiago. “Son negociacións internas entre a Fundación e a compañía que non teñen por que facerse públicas; non temos nada que esconder, pero os que se opuxeron son responsables das súas actitudes”, aclaraba un dos membros do Padroado que si aceptou a xestión foránea do sanatorio.
Ese “secretismo”, “imposición” e “negativa” da Xunta e da directiva do Centro Gallego a facilitar información é o que máis molesta aos colectivos progresistas. “A súa actitude foi claramente discriminatoria, lesiva ao principio de igualdade e de inexplicable desprezo”, aseguran na misiva enviada á conselleira.
“Vostede [Farjas] só pode lograr o seu obxectivo se quebra a unidade do Centro Gallego; para isto bastaríalle con apelar ao temor e/ou á oportunidade que algún dirixente imaxina que lle pode traer”, advertían na carta emitida días antes da privatización. A división foi tal que se rachou un pacto de rotación na presidencia de 20 anos. “Venceréis pero no convenceréis”, rematan, aludindo a Unamuno.http://www.xornal.com/artigo/2009/12/09/politica/acusan-farjas-chantaxear-centro-gallego-retirando-axuda-ao-hospital/2009120823492881199.html
No hay comentarios.:
Publicar un comentario