26 de diciembre de 2009

A selección, última vítima da desgaleguización da Xunta de Feijóo

Un equipo galego ‘amateur’ xoga hoxe cun combinado internacional para manter vivo o partido de Nadal suprimido polo Goberno.

Non haberá partido oficial da selección galega. Malia os últimos intentos desesperados do seleccionador Fernando Vázquez por organizar o tradicional encontro de Nadal, a falta de apoio da Xunta e da Federación deixarán os afeccionados sen a festa anual do balompé. Nin masculino, nin feminino. Nada.

“Estaba todo feito, pero a Federación non para de poñer trabas; desisto”, declarou Vázquez a Xornal. Tiña rival, xogadores e estadio gratis, pero faltoulle a axuda do Goberno, que suprimiu o apoio económico que daba aos partidos das seleccións galegas, aos que denominou “circos identitarios de nulo valor deportivo”. É a última actuación da Xunta no seu proceso de desgaleguización e supresión dos símbolos de identidade de Galicia. Como o idioma, a cultura ou a emigración.

Non haberá fútbol, pero tampouco baloncesto, nin balonmán. A crise económica foi o argumento empregado por un Executivo que chegou a dicir que o bipartito “case obrigaba a xente a acudir aos partidos das seleccións galegas”.

Queixáronse os xogadores, pero moito máis as rapazas, que vían nos encontros do Nadal unha ocasión única para dar a coñecer o lado feminino dun deporte claramente machista.

Desde que as mulleres compartiron cartel cos homes nas citas oficiais, o número de equipos e licenzas triplicouse en só dous anos.

Por iso, Pilar Neira, seleccionadora feminina, estará hoxe no partido alternativo que o colectivo Siareiros Galegos organiza en Santiago para manter vivas as seleccións. Tamén Fernando Vázquez e unha morea de xogadores de Terceira que se prestaron para disputar un encontro contra un combinado internacional.

O feito de que a Federación non o organice impide que os xogadores profesionais de Primeira e Segunda poidan estar presentes, aínda que haberá algunha sorpresa. Será unha reivindicación.

http://www.xornal.com/artigo/2009/12/25/unknown/seleccion-ultima-vitima-do-proceso-desgaleguizador-da-xunta-feijoo/2009122523022100146.html


Mais desgaleguización...

O decreto do ensino pode deixar o galego en só un terzo das materias

A ‘galiña azul’ substituíu as galescolas para “desideoloxizar as aulas”

Oposicións: O PP prescinde da obriga dunha proba en galego

Estatuto: Para Feijóo a reforma “non é urxente”

Cidade da Cultura: O adxectivo nacional era unha molestia

Emigración: O Centro Galego de Bos Aires, en mans privadas

Culturgal: O Goberno deixa sen axudas a festa da cultura

Premios nacionais: Suprimidos porque “custan unha fortuna”

Editoriais: A promoción das traducións, paralizada

Bilingüismo oficial: O castelán estréase nos comunicados

Parlamento: Hai deputados que xa non falan en galego

Relacións exteriores: Cataluña e Euskadi deixan de ser referentes

Un partido de máis de tres puntos

A Xunta leva por diante os símbolos galegos