En 2006, con motivo da viaxe a Arxentina do anterior presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o Goberno galego comprometeuse a colaborar na identificación dos galegos desaparecidos durante a ditadura no país austral, proxecto que quedou interrompido coa chegada do PP a San Caetano. “Gustaríanos que a nova Xunta colaborase con nós, porque eses cidadáns desaparecidos son galegos e creo que é a súa responsabilidade facelo”, precisou Fondebrider, en declaracións a Xornal. Desde o traspaso de poder, o único apoio que a EAAF recibiu de Galicia foi “a axuda inestimable e gratuita do profesor Ángel Carracedo”, responsable do Instituto de Mediciña Legal da USC e reputado xenetista.
Neste sentido, varios investigadores da EAAF visitaron recentemente a sede do Instituto de Mediciña Legal santiagués para familiarizarse coa técnica denonimada snips, que permite recuperar material xenético nos casos nos que o ADN está moi degradado. Dos 30.000 desaparecidos entre 1974 e 1983 baixo o réxime do xeneral Jorge Videla, identificáronse 37 “de orixe galega”, explica Fondebrider, dunha lista na que figuran 75 españois.
Para María Consuelo Castaño, presidenta da Comisión de Españois Desaparecidos en Arxentina, o número de galegos torturados e executados baixo a ditadura militar sería duns 300, opinión que comparten numerosas organizacións a prol dos dereitos humanos. Segundo Luis Fondebrider, esta cifra “podería ser incluso maior”, debido á “gran presenza galega en Arxentina” e a que a investigación “é a longo prazo”. Ademais, a sede do EAAF garda “setecentos esqueletes aínda sen identificar”, precisa.
A EAAF conta con 60 mostras de ADN de familiares tomado en España. Recentemente, a entidade identificou á primeira vítima española da ditadura arxentina, o catalán Manuel Coley Robles. No caso galego, a EAAF non conta “con ningunha mostra de material xenético de descendentes vivos”, asegura Fondebrider, a pesares de que hai indicios de que unhas cinco familias galegas, que contan con parentes desaparecidos en Arxentina, poderían arroxar moita luz sobre os represaliados. “Sabemos que a Xunta ten esa información, que nós descoñecemos”, conclúe.
O equipo de forenses arxentinos mantén, desde hai ano e medio, un sistema de toma de mostras no consulado de Vigo para avanzar na identificación das vítimas galegas da ditadura. De momento non recibiron “nin unha soa mostra a pesares que é totalmente de balde e se mantén o anonimato do donante”, indica Fondebrider. Na súa opinión, isto débese “á falta de defusión da iniciativa, malia que as autoridades galegas prestaran antes a súa colaboración total e o seu apoio financieiro”.
Bonus track; pinche en titulo y fotografias....
No hay comentarios.:
Publicar un comentario