Acusan o Executivo de frear as axudas financeiras ata que o novo xerente se incorpore ao hospital
Varios socios do Centro Gallego insisten en denunciar a “chantaxe” aos que, segundo eles, o está sometendo a Xunta de Galicia co obxectivo de presionar e conseguir un maior número de apoios á xestión privada do hospital.
Segundo fontes de varias agrupacións políticas da emigración, tanto das afíns ao PP como das progresistas, o Goberno galego “debe á Fundación Galicia Saúde preto dun millóns de euros en programas xa executados”. A cantidade, segundo algúns asociados, sitúase entre os 700.000 e os 800.000 euros e o obxectivo desta parálise das axudas non é outro que “presionar ata que o vindeiro trece de xaneiro o novo xerente da empresa asuma o control do hospital”.
A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, xa aclarou no Parlamento hai unhas semanas que o Goberno estaba cumprindo coas partidas destinadas á Fundación Galicia Saúde e que non debía cantidade ningunha.
A aclaración de Pilar Farjas chegou logo dunha dura carta remitida pola agrupación Unión Gallega, que acusaba a conselleira de “impoñer o afogo financeiro da Fundación Galicia Saúde” ata “lograr o seu obxectivo” e “tras infundir o temor nalgúns directivos do Centro Gallego”
Este “afogo financeiro” que denuncian varios emigrantes recórdalles, nas súas palabras, “a tácticas ben coñecidas en Arxentina”, en referencia ás operacións “levadas a cabo polo ex presidente Carlos Menem para xustificar numerosas privatizacións”.
Segundo fontes consultadas por Xornal, a actual xerencia do Centro Gallego “tivo que aumentar o crédito dunha financeira para poder pagar soldos”. “Non hai de onde sacar máis cartos para seguir funcionando; a situación actual é terrible”, denuncian.
Ademais, as mesmas fontes queren destacar tamén a “dura xuntanza” dos membros da Fundación Galicia Saúde, celebrada tras un mes e medio sen reunirse. Ao parecer, a agrupación Unión Gallega non dubidou en enfrontarse aos representantes da Xunta, aos que recriminou as “formas” empregadas por Santiago Camba, secretario xeral de Emigración, durante as últimas visitas a Arxentina.
Do mesmo xeito, varios socios lembran tamén que a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ten plenos poderes para decidir sobre o contrato de xestión do hospital do Centro Gallego, logo de que os patronos das agrupacións afíns ao PP lle concederan un poder xeral para asinar con 3A Recoletas un acordo. “Déronlle un cheque en branco”, denuncian desde Bos Aires.
A Xunta dá nove millóns máis ao grupo que xestionará o hospital de Bos Aires
O Executivo achegará 37 millóns a 3A Recoletas, que fará unha auditoría para aclarar as débedas do sanatorio, que serán repostas polo Goberno
A nova proposta presentada pola Xunta de Galicia para a xestión do hospital do Centro Gallego de Bos Aires insiste no control privado do sanatorio por parte de 3A Recoletas. Non só incide nese control foráneo, senón que engade 9,3 millóns máis de “financiación da asistencia sanitaria” a través da Fundación Galicia Saúde e logo de que os representantes do Padroado cederan todo o poder á Consellería de Sanidade para negociar o acordo.
Así, ademais dos 27,9 millóns que a Xunta de Galicia se comprometía a achegar á Fundación nos nove primeiros anos da duración do contrato, a nova proposta engade 9,3 millóns máis nos últimos catro exercicios ata completar os 13 anos nos que 3A Recoletas xestionará a institución, en total 37,2 millóns.
O “choio de contrato” que denuncia a oposición faise máis evidente vista a nova proposta, aceptada por tres asociacións da emigración arxentina que cederon todo o poder de decisión á conselleira Farjas, pero rexeitada frontalmente por outras dúas.
O documento, ao que tivo acceso Xornal, non agocha nada. Aclárase, por exemplo, que a empresa castelá 3A Recoletas “poderá levar a cabo unha auditoría de contas dos estados financeiros da Fundación Galicia Saúde (FGS)”, un organismo público, tal e como aclaran os seus estatutos. O grupo privado non só auditará as contas, senón que se “existen perdas acumuladas de exercicios anteriores ao 2010”, será “a Xunta de Galicia a través da FGS” a que se “obrigue e a repoñer os importes que resulten necesarios para reestablecer a situación”.
Xa que logo, a compañía privada fará a auditoría dunha fundación pública para que o Executivo achegue cartos e amañe a súa crise e, polo tanto, a do hospital que acabará xestionando. “Déixase totalmente indemne ao Grupo 3A Recoletas por tales conceptos”, di o texto.
O novo contrato, modificado tras as duras críticas iniciais da colectividade galega, engade poucas variacións. Entre elas, a presenza de dous xerentes: un xeral, en delegación da Fundación e que xestionará o plan de saúde; e outro asistencial e de recursos, a proposta de 3A Recoletas, que controlará as obras sociais, os recursos humanos, económicos e materiais e as infraestruturas. Ademais, este último elaborará “o único plan contable e orzamentario”.
O control do xerente nomeado por 3A Recoletas é tal que no propio documento se especifica que “poderá modificar e incluso rescindir” os convenios, concertos, protocolos e outros instrumentos en materia de asistencia sanitaria.
Porque esta empresa con sede en Valladolid manterá un control absoluto ata o ano 2022 dun hospital símbolo da emigración e que dá cobertura sanitaria a milleiros de galegos de entre os seus case 25.000 asociados. Tamén o fará no referente ás obras do edificio, un inmoble de seis pisos situado no centro da capital arxentina.
Segundo os denominados “principios reitores do contrato de xestión”, 3A Recoletas poderá “realizar as auditorías pertinentes a fin de asegurarse o bo estado estrutural do hospital” pero, tal e como aclara o documento, “o seu custo non entrará dentro do contrato que asina a empresa, senón que a achega económica debe de vir por parte da Fundación Galicia Saúde”.
Ante todas estas facilidades, 3A Recoletas, comprometerase a realizar investimentos por un importe mínimo de oito millóns de euros durante os trece anos que durará a súa xestión, algo máis de 615.000 euros ao ano nun centro que factura xa sete millóns ao ano en servizos externos.
Este contrato e o apoio da Xunta a 3A Recoletas provocou a división do Centro Gallego de Bos Aires, que convocará eleccións o vindeiro verán logo de que se rachase un pacto de rotación entre as asociacións políticas que duraba vinte anos.
En Galicia, PSdeG e BNG levan meses denunciando a “privatización” do histórico hospital da emigración e esta mesma semana o PP rexeitou unha moción para paralizar o acordo da Xunta coa compañía.
Os socialistas acusaron os populares de ser “cómplices morais” dun “pelotazo” de 121 millóns de euros, así como de “regalar” sen concurso público e de xeito directo este hospital a unha firma amiga. O PP, pola súa banda, insiste en que o acordo só pretende mellorar a asistencia sanitaria os galegos de Arxentina.