16 de diciembre de 2010

América Latina gaña en influencia mundial

A fortaleza da súa economía nun momento de crise e a vontade dos seus políticos e diplomáticos de rachar tópicos e antigas limitacións fan de América Latina un campo para o desenvolvemento de novas políticas globais baseadas no respecto á diversidade e pola relación multilateral e equilibrada entre países que manteñen lazos históricos, lingüísticos ou culturais, trascendendo as estremas do continente sudamericano.

En plena efervescencia das revelacións de Wikileaks, entre finais de novembro e comezos de decembro celebráronse cumios paralelos en América Latina que sinalan importantes perspectivas de carácter xeopolítico: Guiana albergou o cuarto cumio da Unión de Nacións do Sur (UNASUR), mentres Arxentina celebrou o 20º Cumio Iberoamericano de Nacións (CIN).

Ambos encontros aproximaron interesantes variábeis sobre a concepción autóctona dos procesos de integración latinoamericanos e a súa percepción dos cambios no sistema internacional. Nun contexto de relevo da presidencia na UNASUR tras a morte do ex mandatario arxentino Néstor Kirchner, os países sudamericanos elixiron, por vez primeira, como presidente pro tempore un representante proveniente dunha ex colonia europea, recaendo este cargo no actual mandatario guianés Bharrat Jagdeo, cuxas identidades remarcan a súa condición de anglofalante de relixión hinduísta.

Esta perspectiva de recoñecemento da variedade de identidades colectivas americanas expresadas dentro dun marco de integración cada vez máis hemisférico, permitiulle igualmente á UNASUR abrir as súas xanelas cara a outros países situados fóra do contexto sudamericano, como son os casos de Panamá e México, que acudiron ao cumio de Georgetown en calidade de observadores. A presidencia guianesa igualmente permitiría unha aproximación inédita deste país cara ao mundo sudamericano, a través da UNASUR, así como dos países sudamericanos cara á xeopolítica caribeña, mediante a Comunidade do Caribe (CARICOM).

Puxando pola educación

Baixo o lema “Educación para a inclusión social”, o Cumio Iberoamericano de Nacións (CIN) celebrado na localidade arxentina de Mar del Plata tamén expresou avances significativos, a pesar da ausencia de líderes relevantes como os presidentes español, José Luis Rodríguez Zapatero, venezolano, Hugo Chávez, e boliviano, Evo Morales.

Ademais da comunidade iberoamericana, por vez primeira a CIN acolleu representantes de países asiáticos e africanos: Timor Leste, Filipinas, Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Guinea Ecuatorial, Mozambique e São Tomé e Príncipe, así como do Sáhara Occidental e Porto Rico, en clara solidariedade coas súas respectivas demandas de recoñecemento internacional. Completaron a asistencia a Mar del Plata representantes de territorios que forman parte do mundo iberoamericano por razóns culturais e lingüísticas como California, Xibraltar, Macau, Novo México, Guam, Goa, Damão e Diu e Dadrá e Nagar-Aveli (India), e da francofonía.

Deste modo, os cumios da UNASUR e da CIN expandiron as súas visións de integración incluíndo como observadores representantes de países do Caribe e América do Sur angloparlante, así como de territorios e comunidades hispanas, lusófonas e francófonas a nivel mundial. En paralelo a estes cumios de integración, cómpre salientar o recoñecemento ao Estado palestino outorgado a principios de decembro por parte do Brasil, Arxentina e o MERCOSUR.

Estas realidades confirman os esforzos dende o Sur por atopar realidades comúns de integración e demandas de cambio e reforma das institucións internacionais e das pautas xeopolíticas tradicionais. O peso latinoamericano deixa a súa pegada tamén no eido económico: o recente informe da Comisión Económica para América Latina (CEPAL) indica que a rexión crecerá economicamente un 6% no 2010, por riba dos EE UU e Europa. Un informe da consultora Goldman Sachs prevé que, en 2050, países como o Brasil e México desprazarán a Alemaña, o Xapón e o Reino Unido entre as principais economías do mundo, mentres o peso demográfico e lingüístico hispano determinará uns EE UU cada vez máis bilingües.

No hay comentarios.:

Publicar un comentario