15 de diciembre de 2010

O PP rexeita que o uso do galego na Xunta estea garantido por unha lei

O conservador Agustín Baamonde traduce versos de Rosalía ao castelán para desbotar a proposta de desenvolver o Plan Xeral de Normalización.
Queremos Galego bate contra a maioría absoluta do PPdeG. Tras meses de peripecia burocrática, a iniciativa lexislativa (ILP) do colectivo que fora rexeitada pola Mesa do Parlamento ao detectar nela contidos que non poden incluírse nunha norma cidadá chegaba onte á Cámara da man do BNG, pero nin sequera chegará a tramitarse.

Os 38 votos conservadores botaron por terra unha proposta que, lonxe de reclamar avances maximalistas, limitábase a reclamar que aspectos como a atención en galego na Administración ou o desenvolvemento de preceptos aprobados con anteriores gobernos do PP –caso da Lei de Normalización Lingüística– tivesen sustento legal.

Así as cousas, reclamacións coma o uso do galego “nas comunicacións e notificacións” da Xunta e das empresas contratadas por ela, que os funcionarios teñan “coñecemento suficiente” das dúas linguas oficiais ou a volta a un “mínimo” do 50% de horario en galego no ensino –como fixaba o decreto 124/2007 do bipartito– quedan dende onte no caixón de asuntos desbotados. Ao xuízo do voceiro popular no debate, Agustín Baamonde, estas reclamacións non son máis ca un novo intento “do nacionalismo” de “insistir na construción dun estado nacional monolingüe en galego”, asegura.

Alén da cuestión puntual, neste caso a iniciativa de Queremos Galego, o debate parlamentario vivido onte foi, en boa media, unha reiteración de posicións dos tres grupos da Cámara e da profunda fenda lingüística entre os 38 populares e os 37 representantes de PSdeG e BNG. Neste escenario, o voceiro do BNG en materia lingüística, Bieito Lobeira, elevou á tribuna do Parlamento un texto no que a plataforma cidadá apostaba polo “regreso aos consensos” en torno idioma. Tratábase, explicaba, de pular polo “marco legal vixente, desenvolvido a partir do mandato” do Estatuto.

Aínda que con certos matices sobre algunhas “formulacións” da lei, esencialmente no preámbulo, a iniciativa atopou tamén apoio no PSdeG que, a través de Francisco Cerviño, se adheriu a necesidade de “universalizar o dereito básico ao uso efectivo do galego, sen prexuízo do uso da outra lingua oficial”, fronte ás “mensaxes noxentas, profundamente prexuizosas e falsas” da Xunta, con normas coma o chamado decreto do plurilingüismo.

Fronte ás chamadas de PSdeG e BNG a “salvar” a lingua, Baamonde, noutrora representante do sector máis galeguista do PP, fixou posición cun duro discurso para atacar unha iniciativa que, di, non responde á “maioría social” que fala “indistintamente en galego ou castelán”. Para reforzar esa afirmación, Baamonde valeuse dos “versos inmortais de Rosalía”, comezando por recitar un treito de Adiós ríos, adiós fontes. A continuación, o popular salientou que a poetisa “tamén cantaba en castelán” pero, no canto de elixir unha composición de Rosalía nesta lingua, optou pola tradución, dando en declamar “castellanos de Castilla, tratad bien a los gallegos, cando van, van como rosas, cuando vuelven, vuelven negros”, dixo.

“Chegan ao paroxismo da ridiculez”, retrucou Lobeira, en cuxa opinión, o PP recúa “150 anos”. “Non lles vale nin a legalidade”, lamentou, para, dirixíndos aos membros de Queremos Galego, sinalar ao PP como “o retrato do que hai no plano político do país”. “Pues sí”, exclamou, dende o escano, o candidato coruñés do PP, Carlos Negreira. Case á mesma hora, Galicia Bilingüe lamentaba que o galego siga tendo "peso" nos criterios da Xunta para o reparto de subvencións.



No hay comentarios.:

Publicar un comentario