26 de noviembre de 2010

Ana Messuti: “España camiña sobre cadáveres de non enterrados”

“Os crimes de Franco non se están a investigar”

Ana Messuti (Bos Aires, 1946), avogada especializada en Filosofía do Dereito Romano, disertou onte na Facultade de Dereito da Coruña sobre a querela contra o franquismo iniciada en Arxentina, na segunda xornada do Congreso de Dereito Penal Internacional e Memoria Histórica organizado pola Universidade da Coruña, que remata hoxe. Messuti, que traballa no proceso ratificado pola Cámara Federal do país austral xunto ao letrado Carlos Slepoy e outros xuristas, abandonou o seu país en 1976 co inicio da ditadura militar, desenvolveu a súa labor profesional nas Nacións Unidas e é profesora na Universidade de Bos Aires. A avogada, que vive a cabalo entre a capital bonaerense e Salamanca, considera que, no proceso que pide xulgar aos responsables do xenocidio franquista “a pelota está agora na cancha de España”.

En que estado se encontra a tramitación da querela?

A xuíza ordenou que se readmitira o caso para que a Cámara Federal procedera. Xa se librou un exhorto ao Goberno español para que informe sobre se se están a investigar os crimes cometidos durante o franquismo e a ditadura, polo que a pelota está agora na cancha de España.

Cales son os apoios e os obstáculos?

Hai que entender que é un proceso complexo que conta con precedentes na xurisdición universal, foi España quen xulgou a ditadura Arxentina, pero en España non se liberou da impunidade ao franquismo. Hai condicións favorables para que os querelantes fagan ouvir as súas reivindicacións en coherencia coa Constitución arxentina, que alude aos dereitos humanos. Ademais, os querelantes non se limitan aos parentes directos das vítimas, xa que poden ser fillos ou netos e persoas de calquera outro grao de parentesco. E o principal problema que atopamos foi o informe do fiscal, que pedía arquivar a causa argumentando que a investigación dos crimes franquistas estábase levando a cabo en España, cousa que non é certa. Estamos á espera de que responda ao exhorto. O ideal sería que ocorrera o que pasou en Arxentina, e que a xustiza rematase coas leis da impunidade e iso se retomara en España, onde camiñamos sobre cadáveres de xente que non foi enterrada.

É un proceso aberto. Desde Galicia, onde foron represaliadas unhas 6.000 persoas, engadíronse 15 demandantes. Sumáronse máis recentemente?

Estes días, dúas persoas presentaron senllas querelas máis, un fillo e un neto de dous represaliados. Pertencen a entidades da recuperación da memoria histórica de Salamanca e de Madrid, que se engaden aos casos de Darío Rivas, Inés García, Silvia Carretero e outros. O que esixen é que a xustiza recoñeza que os seus parentes foron asasinados, non piden castigos para os infractores. Hai moitas persoas que se poderían sumar, pero hai certas reticencias e asústalles ter que viaxar, pero nestas ocasións a xuíza pode desprazarse a España a facer a instrución.

A xustiza española procesou múltiples militares arxentinos. Hai precedentes de casos similares noutros países?

Nese mesmo proceso recibíronse peticións procedentes de numerosos países, desde Guatemala ata China. A convivencia de xurisdicións non impide que haxa xuízos en varios países e ás veces celébranse varios procesos contra a mesma persoa. Baste mencionar os exemplos de Alemaña, Francia, Italia... pero cada caso é diferente.

Díxose que os ministros de Franco e incluso o Rei poderían sentar no banco dos acusados se a querela prospera. É certo?

Non hai nada que o descarte, agás que se paralice por outros motivos. É ben sabido que o período que abrangue é moi extenso, entre o 17 de xuño de 1936 e o 15 de xuño de 1977. É máis que o que solicitaba o propio xuíz Garzón.

Tamén se comentou que se estaba traballando para que os represaliados que foran expoliados puideran optar a algún tipo de compensación económica no marco da querela. Isto é así?

É un aspecto contemplado no petitorio e que, segundo avance o proceso, se terá en conta. Pero o que nos interesa é que eses crimes non caian no esquecemento.

Seis xulgados galegos ignoraron a orde dada por Garzón para que abrisen fosas, pode influír na querela?

É que a Audiencia Nacional non se declarou competente. Tan só os xulgados de Granada e do Val dos Caídos remitiron información á Audiencia, que aínda non se pronunciou. O único avance foi o anuncio da creación dunha oficina para atender as demandas dos nenos perdidos na Guerra Civil.

A Lei de Memoria Histórica é suficiente para amparar estes procedementos?

É insuficiente pero non é mera literatura, responde a unha demanda social. É a proba de que aínda hai xente que cre no dereito da xustiza e busca que os xuíces actúen porque os seus defuntos non morreron nun terremoto, buscan obter unha reparación da súa memoria. Se a lei ampara un asasino, debe facer o mesmo coas súas vítimas, e máis se se trata dun grande asasino.
Fonte

No hay comentarios.:

Publicar un comentario