A deputada nacionalista Ana Pontón que cre que coa súa negativa os populares "aldraxan" o intelectual e artista de Rianxo no seu 125 cabodano
O PP négase a declarar o Ano 2011 como Ano Castelao e vota en contra dunha iniciativa do BNG que tiña por obxecto conmemorar o 125 aniversario do seu nacemento e o recoñecemento da súa figura, para que non sexa víctima da política de “ocultación” e “esquecemento” que practica o goberno da Xunta contra as figuras senlleiras da cultura e as letras galegas.
Ana Pontón, durante o debate en pleno desta proposta nacionalista, que foi votada no transcurso desta mañá, advertiu que se introducían na mesma unha serie de aspectos para que de ter sido aprobada non puidera ficar como algo “ritual” senón para dotala de contido e que se efectivizara.
Neste sentido, salientou a necesidade de organizar unha grande exposición da obra gráfica máis relevante de Castelao na Cidade da Cultura e actividades de divulgación nos centros educativos. Asemade, avogou pola organización de estudos e congresos e, sobre todo, porque se incluíse na lei de orzamentos unha partida con suficiente dotación para o desenvolvemento de todas as actividades.
A parlamentaria tamén reivindicaba a través desta iniciativa que se cumpra outro acordo unánime do pasado mes de febreiro relativo á protección e difusión da obra de Castelao e á súa declaración como Ben de Interese Cultural, pois ningún dos puntos que incluia se está a desenvolver.
Para a deputada nacionalista, a pertinencia desta proposta vén dos antecedentes que se puideron comprobar con nitidez durante o 2010, ano no que se produciron efemérides doutros personaxes claves para a cultura galega, como o 125 aniversario da morte de Rosalía ou o centenario do nacemento de Carballo Calero, “semella que non teñen o talle suficiente para que a Consellería lles prestara a súa atención”.
Ana Pontón denunciou que mentres non hai recursos para conmemorar estas datas si apareceron publicados no DOG convenios para dotar con case 500.000 euros á Fundación Cela, “aquí non hai austeridade –dixo- pero a Fundación Rosalía recibiu só 20.000 e a Fundación Castelao nin aparece. Non só se premian as figuras que non son representativas do sistema literario e cultural galego senón que isto se fai en detrimento das que si precisarían do apoio deste goberno”.
A parlamentaria advertiu durante o debate que xa non tiña moitas esperanzas en que esta proposta fora saír adiante e asegurou que esta actitude, a de votar en contra ou aprobar cousas que logo fican nun caixón é expresiva de como entende o PP o galeguismo, como un “galeguismo de galería” que logo contradí todo coa súa práctica.
“Con esta votación vostedes aldraxan a Castelao e quen como vostedes atacan á lingua e cultura galegas, servíndose das institucións nesa batalla, non poden dicir que seguen o credo de Castelao”, concluiu.
Fonte:
No hay comentarios.:
Publicar un comentario