15 de noviembre de 2010

O galeguismo orfo

Falar da crise institucional pasa irremisibelmente por comentar as diversas realidades que atinxen directamente aos partidos políticos que nos representan. As carencias democráticas dunha sociedade coma a nosa, que aínda antonte estaba gobernado pola furia dos sables dun xeneral, notámolas nos nosos días. Quédanlle certos tics á clase política e á propia sociedade que só o paso do tempo e o propio desenvolvemento do sistema político polo que nos gobernamos curará.
É penoso comprobar coma, no Estado e mais en Galiza, o xeito de operar dalgunhas organizacións políticas supón un verdadeiro atranco ás formas e ó fondo da política actual. A sociedade non acostuma entender ben o liderado bicéfalo, onde existe un líder orgánico e outro institucional. Os procesos democráticos internos son percibidos como procesos de fragmentación orgánica. Así temos á dereita española arrepiando das eleccións primarias, as cales non só non son rexeitábeis, senón que deberían estar lexisladas. O conservadorismo español teima na defensa dos aparatos partidistas e a esquerda maioritaria emprega incorrectamente as eleccións primarias, pois interprétaas como unha maneira de solucionar problemas internos. En calquera dos dous casos o desatino é maiúsculo. A consulta ao corpo electoral non debe meterlle medo a ninguén, aínda que este supoña unha verdadeira revolución para os dirixentes dunha forza política determinada.
En definitiva, o asemblearismo como método é incuestionábel e non deixa de ser unha consulta permanente á base afiliativa sobre cuestións que lle atinxen directamente e sobre as que a sociedade terá que opinar.
Non se comprende por parte dalgúns a normalidade á que leva a convivencia plural nunha organización. A pluralidade ideolóxica lonxe de ser unha eiva é unha vantaxe que non é en ocasións fácil de percibir.
Hoxe en plena etapa preelectoral saen a dereita e esquerda os comentarios sobre a pretendida crise interna do BNG. Efectivamente, dende que Xosé Manuel Beiras Torrado deixou o liderado do nacionalismo representativo, as xentes do bloque non foron quen de atopar un líder que asumise a etapa de cambios que se daban na propia sociedade galega e no nacionalismo, aínda que moitos deles fosen consecuencia de debates históricos inconclusos. A pluralidade da fronte vese ameazada cando se formula a tese das dúas ribeiras, Unión do Povo Galego e o resto, como novo xeito de estruturación. Ademais, afóndase na incapacidade histórica do nacionalismo de achegarse ás clases medias galegas, agás coa experiencia de Coalición Galega. A dificultade de que un importante segmento da sociedade galega non se atope comprometido co noso país tamén é responsabilidade da propia estrutura do BNG e da nosa manía de botarlle todas as culpas ao colonialismo ideolóxico español sen asumir a nosa cota de culpa.
Dende a desaparición da operación coaga, foi o Partido Popular quen se beneficiou do nacionalismo morno ou galeguismo de centro cun Fraga Iribarne que merendou a forza municipal daquel e se preocupa de lanzar mensaxes hipocritamente galeguistas que van callando nunha parte da sociedade que era e é porosa ao ideal que daquela ben representaban Pablo González Mariñas e Xosé Henrique Rodríguez Peña, por certo, o primeiro militante do actual BNG e o segundo fiel tamén ao bloque ata a súa morte. Hoxe diante da deriva española de Núñez Feijóo e acólitos, penosamente vemos como o Bloque tenta encontrarse a si mesmo a través duns debates no que antepón na maioría das ocasións ideoloxismo esquerdista a nacionalismo galego. E así, un amplo segmento electoral galeguista está orfo e identificado cun PP en Galicia cada día máis español..

No hay comentarios.:

Publicar un comentario