"Teresa Táboas e eu estamos cada un no seu sitio. Hai unha cooperación e relación magnífica". "O BNG debe de aparecer como o referente de toda a xente que secundou a folga xeral, e non falo só da que foi ás manifestacións da CIG"
Hai un ano que tal día como mañá se constituía formalmente Máis Galiza -daquela chamados aínda Máis BNG-, como corrente organizada dentro do Bloque. Carlos Aymerich era proclamado coordinador xeral deste proxecto e Teresa Táboas, responsable de Organización. Nacían co obxectivo de facer que a cidadanía recupere a ilusión perdida pola formación frontista tras o seu máis que eivado paso do goberno galego e a consecuente perda e baixada electoral nos comicios autonómicos do 2009. Nacían, segundo eles, para dar a batalla a nivel interno e lograr un BNG máis aberto e plural. Un ano despois, o propio Aymerich, fai un repaso de cómo está hoxe a situación.
Que cambiou dentro do BNG neste tempo?
Consolidouse o cambio que supuxo no BNG a asemblea do 2009 en canto á correlación de forzas. Pero sobre todo, o que vai cambiando, e é positivo, é o clima interno dentro do BNG. Cada vez máis hai un sentimento e un estado de ánimo transversal no conxunto do BNG, no que cada vez máis xente entende que é necesario manter o BNG, mantelo unido, traballar dentro del, pero que é necesario tamén, para que iso sexa posible, darlle un novo impulso e curar as feridas ou fracturas que puideron quedar abertas da asemblea. A iso contribuíu de maneira decisiva +G.
Dentro de +G, que cambiou? A corrente está máis consolidada ou a división interna da que se fala avanza?
A corrente está cada vez máis consolidade e é cada vez maior. Este ano foi un proceso de asentamento. É como cando se fai unha casa nova, nos primeiros meses repisa e hai que retellar e arranxar algunha fenda, é normal. Hai tamén algunha decisión que se tomou, construtiva, que corrixe a anteriores, porque o resultado final queda mellor doutra maneira e hai que acometer as reformas necesarias. Pensa que nós nacemos despois das eleccións do 2009, en tres semanas afrontamos unha asemblea nacional, da que saímos cun 45% de apoios, pero foi un proceso de acumulación de forzas que logo ten que consolidarse. Consolidarse quere dicir que ten que definirse en positivo e formularse con alternativas e liñas políticas concretas. É lóxico que houbese e haxa persoas que pensen que +G debía de ir por outro camiño..., ben, é como en calquera organización. Nós levamos a cabo un proceso de definición en positivo, non nacemos contra nada. Había persoas que tiñan postas en +G expectativas diferentes e marcharon para poñerse a traballar noutros proxectos, pero neste ano é infinitamente máis a xente que vén organizarse con nós e que quere contribuír desde +G ó avance do BNG.
Chegouse a dicir que Teresa Táboas e vostede representan sensibilidades distintas en +G. Hai tensión...
En absoluto. Somos unha corrente do BNG e se nos poñemos a ter sensibilidades internas, pois... francamente creo que non avanzariamos moitos. Teresa Táboas e Carlos Aymerich está cada un no seu sitio, no BNG, no grupo parlamentario e en +G e o sitio de cada un é onde nos puxo a asemblea, polo demais hai unha relación magnífica, moi estreita, igual que o noso traballo e a nosa cooperación.
O obxectivo inmediato será afrontar as eleccións municipais de maio. Por que campaña debe apostar o Bloque cando o PP xa avanzou que volverá usar a táctica das autonómicas de tirar pola lingua e o ataque ós bipartitos?
O BNG debe de aparecer como referente de toda esa xente de esquerdas demócrata que en Galiza considera que ten que haber unha política distinta, que non comparte a política neoliberal que está seguindo o PP e o PSOE e que quere que desde os concellos se conteste e se avance nunha liña de máis benestar e de aposta polos intereses das maiorías. Temos que demostrarlle á sociedade galega que hai alternativa a este pensamento único que nos queren impoñer PP e PSOE dicindo que o emprego, a atención ás necesidades sociais, a cohesión social, é algo secundario, porque o principal é obedecer o ditado dos mercados financeiros nada inocentes. Pois non. Pódese atender ás necesidades sociais e iso ten que ser o prioritario, hai que crear emprego porque é o que vai redundar tamén nun maior desen- volvemento e eficacia nas políticas sociais e económicas. Hai moitos votantes do PSOE, dicíamo onte un, que pensan que no seu partido alguén está intentado que acepten polbo como animal de compañía, estanlles intentando vender as políticas que practican como de esquerda, e non o son. No caso do PP, terán que tirar pola lingua, pola división dos bipartitos, para non falar do que lle preocupa á xente, xa que desde que goberna o PP hai 50.000 empregos menos en Galiza, o crecemento do paro está xa acadando niveis moi preocupantes, e datos, que non son do BNG, senón de Unicef e de Cáritas, din que hai máis de 600.000 galegos por debaixo do limiar da pobreza. Mentres, eles, rebaixan os orzamentos para inclusión social.
As municipais teñen que ser o inicio da recuperación electoral do BNG. Cos datos que manexan, realmente, é posible?
Hai que traballalo, pero é posible, porque temos un campo social e político moi amplo no que o BNG pode avanzar. A condición é que o BNG traballe realmente pegado ás demandas sociais, que saiba converter ese descontento social en enerxía para transformar a realidade desde os concellos. Toda a xente que o 29 de setembro saiu á rúa apoiando a folga xeral, e non falo só dos que foron ás manifestacións da CIG, senón de todos, se non é o BNG, quen é o seu referente en Galiza? Ese é o territorio onde temos que xogar e onde o BNG pode avanzar electoral e socialmente.
Que tal a relación coa UPG?
Outro cambio que houbo este ano é de recoñecemento. Xa ninguén discute que +G está no BNG para quedar. Non somos nada episódico nin unha manifestación afortunada que ten lugar ás portas dunha asemblea nacional. Somos unha corrente organizada con vocación de permanencia, de estabilidade, e así o recoñece a UPG e os diferentes actores que existen dentro do Bloque. Ninguén podería entender hoxe o BNG sen contar con +G e calquera avance do BNG tense que facer contando co que +G diga.
O seguinte obxectivo será esa asemblea nacional pendente para despois das municipais. +G apostará porque portavoz nacional e candidato á Xunta sexan a mesma persoa ou porque cambie a tradición?
Esa é a guinda da tarta, pero antes temos que facer o bolo. O fundamental é que sexamos capaces entre todos de saír cun BNG máis unido e capaz de ilusionar outra vez a sociedade galega. Eu adoito acudir ó que supuxo no ano 87 a asemblea do Carballiño, da que saíu a formulación do proxecto común que permitiu realizar dentro do BNG a unidade do nacionalismo e permitiu o ascenso e o avance electoral e social do BNG ó longo dos anos 90. Estamos nunha encrucillada semellante e o que ten que saír desa asemblea é un grande acordo político entre todos os que facemos parte do BNG, para darlle un novo impulso e para saír fóra formulando un novo proxecto común que permita esa nova xeira. Ese é o reto. O resto será poñerlle nomes e estrutura a un acordo e unha vontade que temos que definir entre todos. Por iso imos traballar.
"O PP barallou e repartiu as cartas eólicas outra vez para beneficiar os seus clientes e patrocinadores"
Fonte
Hoxe -por onte- adxudícase o concurso eólico, que o bipartito non puido levar adiante. Que sente?
Xa non é tempo de saudades ningunhas. É tempo de ver que o PP atrasou durante dous anos a adxudicación do concurso eólico, que esa demora ten consecuencias económicas, porque está poñendo en causa a viabilidade de moitos deses aproveitamentos. Pero por outro lado creo que agora se vai ver claramente cal foi a razón desa demora e do que fixo o PP, que fundamentalmente foi barallar e repartir as cartas outra vez, co argumento de que o concurso era ilegal. Agora xa sabemos que non, que o concurso era perfectamente legal e así o recoñeceu o Tribunal Superior de Xustiza. O que había no fondo era outra cousa, era que as grandes empresas eléctricas españolas teñen que entrar no repartimento e teñen, como sucedeu nos anos de goberno Fraga, que ser as grandes beneficiarias da enerxía eólica en Galiza. Iso é o que supón o concurso eólico do PP e é a verdadeira razón de que se repartiran as cartas eólicas outra vez, para que os clientes e patrocinadores do PP saísen beneficiados. Non hai outra explicación.+G non vai facer ningún acto de aniversario?
Xa se fixo o da constitución das mocidades a semana pasada, e agora coincide co debate dos Orzamentos. A mellor conmemoración é que haxa unha boa manifestación en defensa da sanidade pública este domingo.Fonte
No hay comentarios.:
Publicar un comentario