3 de noviembre de 2010

Máis cartos “contra o galego”

Os grupos da oposición -PSdeG e BNG- criticaron que a Consellería de Educación dedique dous mi­llóns, dos 2,3 de incremento para subvencionar o material escolar, para cambiar os libros en galego a castelán en virtude do chamado decreto do plurilingüismo. A xuízo de socialistas e nacionalistas, trátase dunha medida para "combater" o galego.
A preguntas dos xornalistas durante a roda de prensa posterior á Xunta de Voceiros, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga asegurou que ó seu grupo "non lle sorprende nada" esta decisión da consellería que denunciou na súa edición de onte o diario Xornal de Galicia.
"A Xunta fai cousas de xeito desequilibrado, sempre na mesma dirección e todo o contrario á austeridade", reflexionou Leiceaga, quen culpou a Xunta de "xestionar mal os orzamentos" e, como proba diso, puxo o exemplo desta dotación para o cambio de libros, que achaca a un "designio ideolóxico" para non usar o galego en determinadas materias. Pola súa banda, o voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, encadrou esta medida na redución "case á metade" dos fondos para normalización lingüística desde que chegou o PPdeG á Xunta.
"Hai dous millóns máis para loitar contra o galego", para "combatelo", denunciou o parlamentario nacionalista, quen sinalou que "non hai diñeiro para libros de texto gratuítos, pero si para substituír libros de texto" e pasalos ao castelán.
Preguntado por este asunto, o representante do Grupo Popular, Manuel Ruiz Rivas, non se pronunciou e limitouse a dicir que os orzamentos deste ano son "moi difíciles" e obrigan a "recortar" o gasto.
Segundo o denominado pola Xunta decreto do plurilingüismo, teñen que mudar de idioma os libros de ciencias. Porque en Educación Primaria Matemáticas debe impartirse en castelán, en Secunda Matemáticas, Tecnoloxías e Física e química. O mesmo decreto establece que os materiais e libros de texto das materias impartidas en galego e en castelán estarán redactados na lingua en que se imparta a materia. A Consellaría de Educación creou unhas axudas especiais para mudar os libros de texto destas materias, que a CiG-Ensino denunciou porque o cambio "suporá un gasto de entre cinco e oito millóns de euros, dependendo das materias en que se cambie o libro".
A tradución dos libros en galego a castelán foi, precisamente, unha das principais demandas de Galicia Bilingüe. O presidente da Asociación de Editores, Alfonso García Sanmartín, anunciou que denunciaría os responsables dun blog que se ofrecía a traducir libros por vulnerar os dereitos de autor.
Axudas “específicas” anunciadas
Nos orzamentos de Educación, as “axudas a libros de texto e a material escolar” medran de 8,5 millóns a 10,8. E no documento dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2011, as contas da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos inclúen, coma un dos ámbitos de actuación, a “gratuidade solidaria derivada da aplicación do Decreto para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, para as materias que cambian de idioma nos mesmos cursos de préstamo”. Educación anunciara que ía habilitar axudas “específicas” para isto e que os formularios poderían obterse a través do apartado de “gratuidade solidaria” de libros de texto- plurilingüismo. Desde a Consellaría indican que “non teñen nada que dicir” sobre o tema, e que non saben de onde saíron os datos que publica Xornal de Galicia.

No hay comentarios.:

Publicar un comentario