Bruxelas, 24 de novembro 2010.- A Portavoz do BNG perante as institucións europeas, Ana Miranda, mantivo esta tarde unha entrevista coa Comisaria de Educación, Multilingüismo e Mocidade da Unión Europea, Androula Vassilou en Estrasburgo, xunto co eurodeputado catalán Oriol Junqueras, para trasladarlle información sobre a política lingüística de discriminación contra o galego que practica o actual goberno do PP na Xunta de Galiza.
Neste sentido, a eurocomisaria negou que a Unión Europea lle teña dado apoio á política lingüística do Goberno de Feijoo “xa que, tal e como nos subliñou no encontro desta tarde, a Comisaria de Educación, Multilingüismo e Mocidade non pode interferir de ningún modo nas políticas lingüísticas dos Estados e Comunidades Autónomas“ .
„Demóstrase que o conselleiro de Educación mentiu e manipulou a entrevista coa comisaria europea“
Porén, o pasado 14 de setembro, o Conselleiro de Educación da Xunta Jesús Vázquez, mantivo unha reunión en Bruxelas con Androula Vassilliou, na que segundo afirmou o representante do Goberno galego despois da entrevista nun comunicado oficial da Xunta (http://www.edu.xunta.es/web/node/1418) "a Comisaria aplaudía e avalaba a política lingüística da Xunta".
Neste sentido, Ana Miranda denuncia que “o conselleiro de Educación, e con el o Goberno de Feijoo, non só lle trasladaron á comisaria unha imaxe falsa sobre a situación lingüística en Galiza, senón que menten e manipularon o encontro coa responsábel de Educación e Multilingüismo da Unión Europea”.
“O Goberno de Feijoo rompeu o consenso social e político arredor da lingua galega”
Na entrevista desta tarde, Ana Miranda trasladoulle a preocupación da sociedade galega pola ruptura por parte do Goberno de Feijoo do consenso social e político en materia lingüística e a vulneración da lexislación lingüística básica en Galiza.
Ana Miranda entregándolle un libro de poemas de Rosalía de CastroSi á aprendizaxe doutras linguas, pero non a costa do galego
Asimesmo, denunciou a grave vulneración legal que está facendo o Goberno do PP na Xunta de Galiza que "minoriza a lingua galega de xeito legal". De igual xeito, a representante do BNG trasladoulle á eurocomisaria que o Goberno do PP na Xunta non segue as directrices comunitarias en materia de multilingüismo sobre a mellora da competencia e uso vehicular dunha lingua estranxeira na educación regrada, “xa que de ningún xeito debe facerse a costa da redución do horario de uso das linguas cooficiais de Galiza, e nomeadamente do galego”.
"Non podemos estar fóra da aprendizaxe de linguas, Galiza foi sempre e segue sendo europea e internacional, pero debemos facelo partindo sempre da legalidade que en Galiza estase incumprindo polo actual Goberno”, aseverou a representante do BNG.
Convite a visitar Galiza para reunirse cos colectivos sociais e culturais
Ademais, a representante nacionalista fíxolle entrega a eurocomisaria dun amplo dossier onde se trasladan as posicións de diversas institucións, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as tres Universidades, as diversas Plataformas en defensa da lingua e da cultura, asociacións e colectivos, así como a posición que a Plataforma "Queremos Galego”, expresada nas históricas manifestacións de outubro de 2009 e xaneiro de 2010, unha documentación que agradeceu a representante da Unión Europea
A futura eurodeputada do BNG íxolle tamén entrega de dous fermosos libros sobre Galiza, un sobre a nosa historia, cultura e patrimonio e outro un poemario ilustrado da grande poeta nacional Rosalía de Castro.
Por último, Ana Miranda convidou á comisaria de Educación, Multilingüismo e Mocidade a visitar a Galiza a reunirse cos colectivos sociais e culturais do país.
No hay comentarios.:
Publicar un comentario