27 de noviembre de 2010

A fundación dos emigrantes en Arxentina entra en quebra

As políticas corruptas e neolibereais dan o pior resultado cara ao noso Centro Galego.

O déficit do hospital da emigración en Bos Aires aumentou un 40% desde que a Xunta intentou privatizar a súa xestión
No ano 2002, e debido á grave crise económica pola que atravesaba Arxentina, o Centro Gallego –hospital da emigración galega en Bos Aires– pediu axuda á Xunta. Ante os problemas financeiros nos que se atopaba un sanatorio con 25.000 socios, moitos deles descendentes de galegos e 4.000 emigrantes, o Executivo de Fraga chegou a un acordo para crear a Fundación Galicia Saúde.
O organismo, formado a partes iguais por membros do Centro Gallego e da Xunta, comprometeuse desde 2003 a xestionar un hospital con máis de cen anos de historia. O Executivo achega o capital, uns tres millóns de euros, mentres que o centro poñía o edificio, o persoal e a actividade sanitaria. Nunca foi fácil a situación, pero agora, tras a xestión privada que a Xunta intentou aplicar durante este ano, a crise complicouse. O embargo xudicial aplicado sobre as contas da Fundación desde o pasado venres pode ser a fin definitiva da entidade.
“O venres produciuse un embargo nas contas da Fundación Galicia Saúde que pon en serio risco a súa continuidade”, advertiu o xerente xeral do organismo, Jorge A. Herreros, á Xunta a través dunha comunicación ao que tivo acceso Xornal. O devandito embargo, duns catro millóns de euros, supón un 60% do pago de salarios.
“Algo inmanexable para o noso orzamento”, aclaran desde a Fundación, que teme non poder pagar os soldos dos 1.200 traballadores do Centro Gallego. De feito, xa hai problemas nos cobros.
A demanda, que complica a situación, vén da denuncia interposta por un antigo médico do hospital en 2009 tras o seu despedimento. O temor a que a Fundación quebrase e quedase sen fondos levou aos avogados a reclamar o embargo.
Pero hai moito máis. A débeda do hospital de Bos Aires aumentou de xeito considerable no último ano, xusto desde que a Consellería de Sanidade intentou, sen éxito, privatizar totalmente a súa xestión a través da empresa 3A Recoletas. A oposición á medida e a nova directiva impediron completar o proceso, pero desde o hospital aseguran que a chegada do grupo castelán supuxo un aumento do déficit nun 40%. A débeda, na actualidade, ascende a uns 20 millóns de euros.
Para saír da Fundación Galicia Saúde, o Executivo galego tería que facerse cargo da metade da débeda. Mentres, membros da nova directiva do Centro Gallego culpan a Xunta de Feijóo da desfeita, o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, insiste en que foi o bipartito o que triplicou a débeda.
En Arxentina, no que si coinciden todos, é en que o feito de que sexa a Xunta quen xestione directamente o centro desde Compostela foi parte do problema.

Mentres, Camba vende a tarxeta sanitaria

O Executivo galego gábase no exterior da implantación da cobertura médica para os residentes ausentes
 
Escóitanse tangos tristes para a Fundación Galicia Saúde. Despois do embargo á que foi sometida por mor dun impago, o órgano que trataba de garantir unha cobertura sanitaria para os galegos residentes no exterior semella ter os días contados, e o certo é que dende a Xunta tampouco parecen especialmente preocupados. Agora mesmo o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, anda atafegado firmando convenios con diversas fundacións e irmandades de Sudamérica para a implantación da tarxeta sanitaria para os galegos do exterior, quizais unha saída para os emigrantes residentes en Bos Aires que vén como o histórico hospital do Centro Gallego de Buenos Aires váiselles afastando máis cada día que pasa.
Hai aproximadamente unha semana que Santiago Camba asinou un convenio coa Irmandade Galega de Venezuela para facilitarlles aos galegos a tramitación da tarxeta sanitaria. “Dende hoxe, os cidadáns galegos de Buenos Aires, Montevideo, México e Venezuela xa poden comezar a súa viaxe a Galicia coa seguridade de que, no caso de que xurdan problemas de saúde ou accidentes, van recibir a mesma atención sanitaria que calquera outro cidadán galego”, dixo Camba. “Se somos iguais debemos gozar dos mesmos dereitos básicos e, entre eles, o da saúde é un dereito fundamental”, dixo o secretario xeral de Emigración.
Efectivamente, grazas á emisión da tarxeta sanitaria os emigrantes galegos terán dereito a unha cobertura médica total, mais cando estean en Galicia. Que ocorrerá cos galegos residentes na Arxentina, en Buenos Aires, unha vez a Fundación Galicia Saúde bote o ferrollo, como parece ser o seu destino inmediato?
A extensión da tarxeta sanitaria á emigración foi xa en campaña electoral un dos cabalos de batalla que Alberto Núñez Feijóo vendeu alén do Atlántico. Agora faise realidade, máis deixa tras de si os cristais crebados da Fundación Galicia Saúde e do Centro Gallego.
A tarxeta sanitaria para os residentes no exterior beneficiará a uns 3.000 galegos anualmente, segundo as estimacións que fai a Xunta. A pesar de facer un investimento, o certo é que Administración aforrará. Ata o momento, o Executivo galego investía millóns de euros nunha Fundación que dirixía maioritariamente e que trataba de garantir que os galegos de Bos Aires estivesen atendidos. Aínda que necesaria, en tempos de crise non sería de estrañar que a Xunta sentise que unha lousa cáelle do lombo co embargo que avoca ao peche a Fundación. Non hai laranxos en flor desta vez..
Fonte

No hay comentarios.:

Publicar un comentario